Friday 29 de March de 2024

A Xunta destaca en Vimianzo o apoio da Xunta ao medio rural para loitar contra a violencia de xénero con accións de formación, prevención e sensibilización


— A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na localidade coruñesa no acto de presentación do proxecto A Costa das Mulleres: experiencias de mulleres da Costa da Morte e vídeos contra a violencia de xénero

— A iniciativa, impulsada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), enmárcase no convenio de colaboración que manteñen as consellerías de Emprego e Igualdade e do Medio Rural para combater a violencia de xénero no medio rural

— A Xunta, a través deste acordo, inviste 250.000€, máis do dobre que en 2019, en diferentes actuacións que forman parte das medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

— A Administración autonómica está a desenvolver un amplo programa de actividades con motivo do 25-N, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en Vimianzo o apoio da Xunta ao medio rural para combater a violencia de xénero no acto de presentación do proxecto A Costa das Mulleres: experiencias de mulleres da Costa da Morte e vídeos contra a violencia de xénero, unha iniciativa impulsada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), que inclúe un documental e microvídeos gravados por nenos e nenas para facer fronte aos micromachismos. Na xornada tamén participou por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural o subdirector xeral de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural, Moisés Blanco.

López Abella destacou a importancia de levar a cabo actuacións para previr a violencia de xénero no medio rural galego. Así, lembrou que a Xunta está a investir, a través dun convenio de colaboración entre as consellerías de Emprego e Igualdade e do Medio Rural, un total de 250.000 euros, máis do dobre con respecto ao acordo asinado en 2019, en accións de formación, prevención e sensibilización para facer fronte á violencia de xénero no rural. A través desta actuación desenvólvense medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

A través deste convenio de colaboración, lévanse a cabo diferentes actuacións como son a elaboración de material específico para a prevención e a sensibilización fronte á violencia de xénero, así como para o apoio e información das vítimas. Tamén se desenvolven campañas relacionadas coa loita contra a violencia machista, charlas divulgativas ou unha acción de difusión en redes orientada ás mulleres maiores do rural. Así mesmo, contémplanse actividades formativas como a formación técnica sobre programas de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero, ademais da organización dunha xornada de conclusión de resultados coa participación e colaboración dos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) da comunidade.

López Abella destacou a cooperación entre os diferentes departamentos da Xunta de Galicia para atender ás vítimas de violencia de xénero a través do maior número de vías posibles lembrando que as actuacións do Goberno galego réxense pola coordinación e transversalización dos fondos dispoñibles nesta materia e da súa execución.

Nos últimos dous anos este programa chegou a máis de 3.600 mulleres e a máis de 5.200 menores en toda Galicia. Así mesmo, a Xunta mantén convenios de colaboración coas federacións de mulleres rurais de Galicia (Femuro, Femupo, Fademur e Redeiras Artesás O Peirao), sumando 75.000 euros, para a erradicación da violencia de xénero no territorio galego.
Amplo programa polo 25-N
A Xunta, no marco das actuacións que leva a cabo para loitar contra a violencia de xénero, programou este ano con motivo do 25-N, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, un amplo abano de actuacións que inclúe a celebración de xornadas de sensibilización nos campus universitarios contra a violencia sexual e un Plan de formación para os 189 concellos incluídos na Rede galega contra a violencia de xénero e para os centros de información á muller (CIM).

Outras actividades que se desenvolverán nos próximos días son o Congreso Medios de Comunicación e Igualdade (26 de novembro e Santiago de Compostela); e a andaina contra a violencia de xénero que baixo o lema Camiño ao respecto, está aberta á participación da cidadanía e se celebrará mañá desde o Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro.